Paisaxe natural - rexión macaronésica

Exame Selectividade - Xuño 2016

a. Relacione cada número co nome da illa que aparece no documento 1 (1 punto)

  • As illas do arquipélago canario citadas son:
  1. A Palma
  2. Gomera
  3. Hierro
  4. Fuerteventura
  5. Lanzarote

b. Analice os tipos de documentos e identifique a rexión bioxeográfica á que pertence a imaxe do documento 2 (1 punto)

  • O documento 1 é un mapa mudo do arquipélago canario. O documento 2 é unha fotografía panorámica que presenta unha paisaxe correspondente á rexión macaronésica.

c. Comente os elementos da paisaxe natural que aparecen no documento 2 (1 punto)

  • En primeiro termo da imaxe atopamos unha vexetación xerófila de matogueira (o faial brezal canario, mesturado con tabaibas e cardóns), á beira de palmeiras e un endemismo característico como é o drago.
  • No último plano observamos un pico volcánico, na súa meirande parte espido de vexetación. Non obstante, nestas áreas é característico o escalonamento da vexetación en pisos (basal, montano, subalpino, alpino e nival).
  • O relevo montañoso, espido de vexetación, culminaría a máis de 3000 m de altitude en puntos como o Teide, habitualmente cuberto de neve. Porén, na imaxe probablemente de primavera ou verán, esta cuberta de neve permanente non se observa.

d. Explique como inflúen os condicionantes físicos no desenvolvemento da vexetación típica desta rexión (1 punto)

Os condicionantes físicos que inflúen no desenvolvemento desta paisaxe vexetal son:

- A situación xeográfica da área na rexión subtropical, nun arquipélago illado, no Océano Atlántico, moi próximo á beira occidental de África. Esta situación favorece a presenza de endemismos e reliquias propias da rexión (ex.: o drago).

- O relevo, fortemente contrastado, de orixe volcánica, que descende cara ao mar en fortes pendentes. Isto provoca un escalonamento en pisos da vexetación.

- O clima, de carácter subtropical, está sometido habitualmente á influencia do anticiclón das Azores, aos ventos alisios do NE e aos secos ventos saharianos. As consecuencias son que:

1) na área setentrional, a influencia dos alisios achega maior humidade;

2) na área meridional a sequidade é maior. A paisaxe presenta entón unha gran diversidade, alternando a laurisilva húmida no Norte e a vexetación xerófita nas áreas máis secas do Sur.

- Os solos, volcánicos, alí onde son máis profundos permiten o crecemento máis exuberante da vexetación. Onde a humidade escasea, o resultado son solos subdesérticos moi pouco aptos para o crecemento da mesma.

© no espazo e no tempo 2017 - © Luis Martínez Arenas - luare10@gmail.com
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar