Mapa de incendios forestais

Exame de setembro de 2016

a) Nomee cinco provincias nas que o número de incendios de tamaño maior ou igual a 1 hectárea sexa superior aos de menos de 1 hectárea (1 punto)

  • As provincias nas que o número de incendios de tamaño maior ou igual a 1 ha é superior aos de menos dunha ha: Asturias, Cantabria, León, Zamora, Burgos, Toledo, Cidade Real e Guipúscoa.

b) Identifique o tipo de documento e indique as causas dos incendios (1 punto)

  • A figura é un mapa temático e con figuras de España con división provincial, e no interior de cada unha delas represéntanse, mediante histogramas, unha información sobre o número medio de incendios forestais por ano ‐distribuídos entre aqueles que queimaron máis ou menos dunha ha de superficie‐ durante o período 1995‐2005.
  • As causas dos incendios forestais poden ser humanas (intención delituosa de pirómanos, neglixencias na queima de restrollos e mantemento de pastos...) ou naturais, como a caída de raios cando se producen as treboadas.

c) Explique as razóns dos valores que afectan a Galicia (1 punto)

  • Galicia constitúe a zona de España na que arde cada ano unha maior superficie, malia que o clima húmido sexa menos favorable ao lume. Isto é debido a que a meirande parte dos lumes son provocados. Provócanse para tratar de manter os pastos para o gando en áreas de montaña, seguindo unha práctica tradicional que se poñía de relevo na antiga cava de estivadas. E detrás destas actitudes delituosas están ás veces os intereses de sectores económicos coa finalidade de obter cambios nos usos do solo para poder construír.
  • Hoxe en día, os riscos afectan en moitas ocasións a áreas poboadas que hai que desaloxar, dado que o abandono das actividades no rural provocou un crecemento incontrolado da matogueira.
  • Tamén os cambios de uso do solo, en especial a repoboación forestal que moitas veces se ten feito con especies pirófilas como eucaliptos, o que permite unha propagación máis cuantiosa dos lumes.
  • A desatención ao coidado dos montes, por estar en moitos deles en man común de veciños, tamén xustifica o desinterese polo coidado destes espazos, hoxe en día moi abandonados.

d) Expoña as consecuencias económicas e no medio natural dos incendios (1 punto)

  • Os incendios forestais producen graves consecuencias económicas e no medio natural.
  • Os danos humanos e económicos máis relevantes inclúen ás veces perdas humanas ‐por morte de xente implicada no seu sufocamento ‐, materiais ‐casas, vehículos...‐, perdas na silvicultura e deterioro de redes de comunicacións eléctricas, telefónicas..., entre outros.
  • En canto ás ambientais, á destrución da cuberta vexetal ‐cun incremento do risco de erosión do solo ao producirse as primeiras choivas torrenciais tras a queima‐ e a perda de animais que morren a consecuencia dos lumes, engádense as alteracións no balance hídrico das cuncas fluviais nas que teñen lugar os devanditos incendios, a contaminación das augas polos restos dos incendios, a perda de especies animais, incluso no mar polo arrastre das cinzas e perda de osíxeno das augas.
© no espazo e no tempo 2017 - © Luis Martínez Arenas - luare10@gmail.com
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar